NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




29 abr 2013

Seleccionados seis novos proxectos no Ulla Tambre Mandeo: coa súa posta en marcha investiranse preto de 900.000 € no territorio


O pasado mércores 24 de abril sometéronse á consideración da Xunta Directiva seis novas propostas para a súa selección como beneficiarias das axudas Leader, tres destes proxectos son imputables á medida 411 de dinamización do sector agrario e forestal e os tres restantes teñen carácter non produtivo e son imputables á medida 413 de diversificación económica e mellora da calidade de vida.

En conxunto, a posta en marcha destes seis proxectos significa un investimento total no territorio de 835.800 € que se cristalizará a finais deste ano 2013, do mesmo xeito, acumulan unha concesión de axudas por un importe de 277.730 € aproximadamente. Ademais da incidencia no emprego dos proxectos produtivos, que se traduce na consolidación de dez postos de traballo e na creación de outros catro; toda a poboación se poderá beneficiar das actividades que se xerarán da man dos proxectos de carácter non produtivo promovidos por tres Concellos do territorio do UTM.

MEDIDA 411. Dinamización do sector agrario e forestal.

Proxecto: Produción e comercialización de arando en Galicia, en Melide

Promotor: Abel Gutiérrez

Descrición: Plantación de seis hectáreas de arandos, nunha finca na zona de protección de Rede Natura; o promotor, un mozo emprendedor de 28 anos, xa conta co permiso da Dirección Xeral da Natureza para efectuar a plantación polos beneficios medioambientais que xera a mesma nesta zona protexida. Abel Gutiérrez atopou neste cultivo unha oportunidade de negocio pola escasa oferta actual que hai deste froito, o seu alto valor de venda e as extraordinarias propiedades coas que conta o produto. Os investimentos correspóndense co peche perimetral do total da finca de 12 hectáreas, a plantación de 6 hectáreas, a instalación das infraestruturas necesarias como a fertirrigación, os aseos, o almacén, etc. e, finalmente, a adquisición das plantas arandos.

Incidencia no emprego: Consolídase o emprego do promotor e créase un novo emprego a xornada completa coa implantación da explotación, cando as plantas estean en plena produción contémplase a contratación de arredor de quince persoas durante a época de recolección.

Investimento: 261.714,53 €

Axuda concedida: 64.599,61€

 

Proxecto: Acondicionamento e automatización en granxa de ovos campeiros, en Melide

Promotor: Explotaciones Avícolas de Melide SC

Descrición: Adecuación e automatización dunha nave destinada á produción de ovos de galiñas campeiras, a entidade promotora busca optimizar o proceso de produción e facelo máis eficiente, cun menor consumo enerxético e cunha mellora nos tempos das tarefas. Os investimentos correspóndense co sombreado do exterior da nave, coa automatización do procesado e almacenaxe dos ovos mediante novos poñedoiros con soportes e sistemas automáticos de recollida e ventilación e coa adquisición de paneis solares fotovoltaicos para autoconsumo.

Incidencia no emprego: Consolidación dos seis postos de traballo actuais e creación de dous novos empregos.

Investimento: 299.596,00 €

Axuda concedida: 87.501,84€

 

Proxecto: Ampliación de explotación porcina en extensivo, en Sobrado

Promotor: Aldea de Barrio SL

Descrición: Ampliación dunha explotación porcina en extensivo constituída por varios gandeiros da zona para poñer a producir distintas parcelas de difícil aproveitamento agrícola. A entidade promotora que crearon conta na actualidade con vinte animais en réxime extensivo, con esta ampliación, pretenden poñer en funcionamento un total de dez hectáreas de superficie para dar cabida ó número máximo de animais permitidos, é dicir, 150. Os investimentos consistes no peche de catro parcelas para engadir ás dúas que actualmente teñen en produción, no formigonado dos espazos onde se localizarán as casetas dos animais e na instalación de casetas, comedeiros e  canalización de auga para a correcta estadía dos animais. Tamén se inviste no equipamento necesario para as tarefas de xestión coa adquisición de equipamento informático e o deseño dunha páxina web corporativa de Aldea de Barrio SL.

Incidencia no emprego: Consolidación dos tres empregos dos socios propietarios e xeración dun novo emprego.

Investimento: 111.488,40€

Axuda concedida: 32.829,19€

 

MEDIDA 413. Diversificación económica e mellora da calidade de vida (proxectos non produtivos)

Proxecto: Dinamización turística e comercial do concello de Melide

Promotor: Concello de Melide

Descrición: Deseño e posta en marcha dunha plataforma web na que se insira de maneira atractiva e dinámica toda a información turística e comercial da vila melidá. Ademais, será plenamente accesible posto que se habilitarán puntos wifi en lugares estratéxicos do concello así como códigos QR nos principais elementos patrimoniais. Con este proxecto ábrense novas posibilidades para os visitantes do municipio pois obterán toda a información nun maneira rápida, novidosa e sinxela.

Investimento: 51.648,85€

Axuda concedida: 34.843,76€

 

Proxecto: Dotación de novas tecnoloxías en locais municipais, en Curtis

Promotor: Concello de Curtis

Descrición: Dotación de novidoso equipamento no centro de ocio infantil de Curtis e no eficio de usos múltiples de Teixeiro para familiarizar á poboación local coas novas tecnoloxías e o acceso á redes, para lograr este obxectivo, o Concello organizará sucesivos obradoiros e seminarios para onde se formará á vecindade de Curtis de todas as potencialidades coas que conta Internet, uns coñecementos que cada vez son máis imprescindibles na vida diaria.

Investimento: 58.851,98€

Axuda concedida: 36.133,82€

 

Proxecto: Desenvolvemento da agricultura ecolóxica, en Vilasantar

Promotor: Concello de Vilasantar

Descrición: Adaptación das instalacións da escola de agricultura ecolóxica de Vilasantar para destinala a uso formativo e asesoramento no eido da produción e transformación de produtos agrícolas catalogados como ecolóxicos. Os investimentos contemplan a creación dunha aula TIC para a formación teórica e na adecuación dunha sala de elaboración e envasado de produtos agroalimentarios para a formación práctica.

Investimento: 52.501,36€

Axudas concedidas: 21.823,94€

 

26 abr 2013

Café diálogo no GDR


Este ano, a Asemblea Xeral estivo precedida dun moi divertido e produtivo café-diálogo. O café diálogo é unha técnica que nos permite descubrir a sabedoría colectiva, compartir o coñecemento e estimular o pensamento innovador. Este café permitiunos ter un momento de relax para profundar nas nosas relacións e involucrarnos un pouco máis no funcionamento do GDR. De aquí saíron valiosas ideas, que quedan escritas, no papel e na memoria de cada un de nós. Grazas á participación de todos, especialmente ás nosas anfitrioas, que conseguiron sacar o mellor de todos nós.

O café estruturouse en tres mesas, cada mesa tiña unha cartulina na que había escrita unha pregunta, e os presentes foron rotando de mesa en mesa e escribindo as súas ideas na cartulina, ó tempo que falaban. As anfitrioas eran as únicas que non rotaban, moderaban o debate e introducían ó tema cando había rotación da xente polas diferentes mesas. Foron tamén as encargadas de contarnos a todos as principais conclusións, que aquí vos deixamos resumidas:

Na mesa de Matilde Pallares, da Asociación Turismo de Aldea, falamos de cómo nos podemos organizar no GDR para facer un traballo conxunto, cooperar, mellorar a comunicación e a coordinación e aproveitar os coñecementos de cada un de nós para construír unha estratexia máis rica.

Aquí xurdiron ideas que inclúen xuntanzas e visitas informativas. Vos deixamos todas as aportacións:

-        Reuníndonos en mesas redondas de maneira informal e falando todos, expoñendo as iniciativas de cada un. Contando as experiencias propias, boas e malas.

-        Visitar cada proxecto que se realizou no GDR, e incluso de outros proxectos ou programas que están funcionando.

-        Temos que ser menos egoístas e localistas e pensar no beneficio xeral. Acudir ó GDR pensando máis no que podemos aportar que no que podemos sacar de beneficio. Apostar pola busca do beneficio xeral de todo o territorio.

-        Organizarnos en equipos ou grupos por temáticas concretas, co fin de desenvolver iniciativas moito máis especializadas.

-        Facer unha xuntanza anual cos GDR limítrofes e expoñer os traballos realizados, viaxes, promocións, etc. de cada un.

-        Realizar unha labor de síntese de toda a información relevante do territorio: turística, empresarial, cultural, patrimonial, gastronómica, etc. co fin de poder consultala e utilizala para futuras iniciativas.

Chus Novo, da Asociación Cultural e Veciñal do Milenio de Boimorto, fixo de anfitrioa para responder á pregunta: Qué podemos facer desde o GDR  para incrementar a participación, información e implicación dos membros do GDR?

-        Sería interesante que todos os membros desta Asociación tomáramos cartas en expoñer os seus proxectos aos cidadáns  para que estes tiveran información dos mesmos. Facer, cada un de nós, de embaixador ou embaixadora do GDR. Propoño que cada un da asemblea teña unha responsabilidade (ir a informar, expoñer experiencias, animar a que soliciten ou presenten proxectos)

-        Fomentar a participación activa de todos os membros da asemblea nas iniciativas que leva a cabo o GDR, é dicir, encomendarlles responsabilidades e labores: visitar os proxectos subvencionados, participar nas xornadas ou seminarios organizadas, etc.

-        Deseñar material audiovisual ou folletos da actividade que realiza a Asociación para manter permanentemente informados ós membros do GDR da mesma, de maneira que se familiaricen co seu funcionamento.

-        Traballar pola realización de proxectos que poidan ser levados a cabo en común polos dez concellos do territorio e que xeren un beneficio xeral así como unha repercusión mediática, por exemplo, un centro de recollida de animais.

Por último, Chus López, en representación do Concello de Melide, fixo de anfitrioa na mesa do café que pretendía buscar accións para que a información do que é o GDR, o que fai, para que serve, chegue a máis xente. O obxectivo era buscar solucións para que todo o mundo saiba da existencia do GDR e das axudas do Leader?

-        Propoñemos que cada vez que o persoal do GDR da unha charla nalgún sitio sexa acompañado polas persoas desa zona que sexan da directiva ou da asemblea.

-        Propoñemos que nos colexios, sería un lugar moi axeitado para dar a coñecer a existencia do GDR e o Programa Leader. Pensamos que a plublicitación é importantísima neste senso, creando así unha canteira para o futuro.

-        Facendo máis partícipes ás asociacións veciñais, rurais, … Creando proxectos específicos para as asociacións. Os membros do GDR temos que preocuparnos de informar ás asociacións sobre as axudas e animalos a presentar proxectos. Tamén nós temos que buscar proxectos interesantes para solicitar axudas ó Programa Leader.

-        Propoñemos facer máis asiduamente charlas informativas orientado ós diferentes sectores explicando claramente e informando sobre o GDR e a existencia das axudas do Leader, entregando folletos e visualizando vídeos atractivos sobre o GDR.

22 abr 2013

Asemblea Xeral no GDR UTM: mércores, 24 de abril de 2013

O vindeiro mércores 24 de abril, ás 19.00 horas, celebrarase a Asemblea Xeral Ordinaria do GDR Ulla Tambre Mandeo, á que están convocadas todas as entidades que o constitúen. A Asemblea estará precedida, á súa vez, da celebración dunha reunión da Xunta Directiva fixada para as 17.15 horas.

O programa vespertino complétase coa celebración dun café-diálogo, ás 18.30 horas. Neste espazo, os asociados e asociadas poderán facer as súas aportacións sobre o funcionamento actual da Asociación, así como as súas suxestións para melloralo nun futuro; nun ambiente distendido que fomente a participación e a creatividade.

Para rematar, planifícase unha degustación de produtos hortícolas doados polas entidades Coop. Melisanto e SAT Fungocerga e elaborada polo alumnado do Centro EFA Piñeiral, que terá lugar unha vez concluída a reunión da Asemblea Xeral.

Desta maneira, o programa de actividades completo é o seguinte:

17.15 h. Xunta Directiva do GDR.

18.30 h. Café-diálogo. 

19.00 h. Asemblea Xeral Ordinaria do GDR.

20.45 h. Degustación de produtos hortícolas do territorio.


Se queredes saber máis, podedes escoitar a intervención do equipo técnico no Espazo Leader de Radio Melide, referente a esta xornada:







 

Tri-emociones en Espazo Leader

O programa do 11 de abril do Espazo Leader estivo protagonizado por Matilde Pallares, tesoureira da Asociación de Ocio e Turismo Rural Ulla Tambre Mandeo e membro tamén da Xunta Directiva do GDR. 

Matilde explicounos a súa experiencia como promotora dun negocio de turismo rural nas primeiras planificacións do Programa do territorio e cómo, unha vez que se familiarizou coa filosofía do Leader, decidiu seguir apostando activamente pola súa continuidade, asociándose ó Grupo de Desenvolvemento Rural.

Por outra banda, tamén nos puxo ó día do funcionamento da marca Tri-emociones, a marca común que utilizan varios negocios do ámbito xeográfico do Ulla Tambre Mandeo para promocionarse en conxunto. 

Tri-emociones xurdiu a partir da cooperación do empresariado asistente a un curso formativo organizado polo GDR e, actualmente, está funcionando de maneira moi activa a través da organización de orixinais eventos ou a xeración constante de promocións como, por exemplo, o Fin de Semana Low-Cost; aínda vixente

Se queredes saber máis, non dubidedes en visitar a páxina de facebook de Tri-emociones:






Tamén podedes escoitar a súa intervención radiofónica ó completo, no seguinte enlace: