NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




19 ago 2013

Xornada de Hortas Abertas


Ven ó Ulla Tambre Mandeo a coñecer ó Teu Horticultor Ideal. Visita as nosas hortas o día 31 de agosto nunha xornada que o Grupo de Desenvolvemento Rural está organizando para ti.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo é unha asociación sen ánimo de lucro que xestiona o Programa de Axudas Europeo Leader, que ten entre os seus obxectivos potenciar os produtos con valor engadido local no seu territorio: Comarca de Melide (Melide, Santiso, Toques e Sobrado), Comarca de Arzúa (Arzúa, Touro, O Pino, Boimorto), Curtis e Vilasantar.

Dentro deste territorio hai unha gran variedade en produtos agroalimentarios de calidade, e por iso querémoste invitar a descubrilos. Ademais, varias empresas lideradas pola Cooperativa Melisanto, puxeron en marcha o ano pasado unha iniciativa de venda a domicilio dos seus produtos na Coruña. Por correo electrónico ofrecen como produto estrela as verduras e hortalizas dos horticultores e horticultoras locais, pero tamén queixo Arzúa-Ulloa, mel, ricos, amendoados, melindres, marmeladas, setas, embutidos e polos de curral. Por iso queremos que tódalas persoas da Coruña descubran estes produtos in situ e coñezan as nosas hortas, das que nos sentimos especialmente orgullosas.

Vives na Coruña? Gústache comer ben? Valoras a calidade e o comercio de proximidade?

Se é así queremos que esteas con nós o sábado 31 de agosto. Saímos da Coruña ás 10 da mañá cara Sobrado dos Monxes, onde visitaremos unha granxa extensiva de porcos, Aldea de Barrio, proxecto financiado polo Leader. E iremos tamén á Casa do Queixo de Grixalba, casa-museo onde nos explicarán brevemente as características e tradición do queixo D.O.P. Arzúa Ulloa. Tras esta parada nos diriximos cara o concello de Santiso, para coñecer as mellores hortas da comarca de Melide, alí un técnico de Melisanto nos explicará o proceso e características das verduras e hortalizas que se cultivan na zona.

Ó mediodía terás tempo libre para comer e pasear por Melide, unha bonita vila, capital de comarca, onde che recomendamos visitar a igrexa de San Roque, o cruceiro máis antigo de Galicia, segundo As Cruces de Pedra de Galiza, de Castelao ou o museo etnográfico.

Xa no camiño de volta a Coruña faremos unha parada na horta da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Fungocerga, especializada en froitos do bosque, setas silvestres e cultivo de shiitake.

Tras este intenso e saboroso día, volvemos a casa sobre as oito e… a pedir as túas verduras por internet!!

Para inscribirte á Xornada de Hortas Abertas chama canto antes ó Grupo de Desenvolvemento Rural: 981.511.377 ou envíanos un correo cos teus datos: nome e apelidos, dirección postal e teléfono a utm23gdr@gmail.com. Temos 50 prazas nada máis!
 

5 ago 2013

Antía Villar nos conta o que aprendemos no curso de fotografía


Intenso e de pouca duración. Así foi o curso de fotografía ao que asistimos en Touro. Máis, pese a isto, agora temos unha idea máis ampla sobre fotografía.

O primeiro día unhos entendían máis sobre o tema e outros menos, pero grazas á persoa que nos guiou durante os tres días de curso, Sergio, o único que nos diferenciaba era o tipo de cámara que tiña cada un, ou supoño que esa era a idea.

Cousas tan básicas como a luz  inflúen moito á hora de sacar unha boa fotografía. Depende de dónde proceda, que tipo de luz sexa, etc., o resultado pode ser moi bo ou desastroso ata tal punto que non se distinga ningún obxecto. Outro factor importante é enfocar ben, posto que se non o facemos pode saír a imaxe borrosa.

O último día puxemos en práctica os coñecementos que fomos adquirindo. Todos eses botóns que ten a cámara serven para algo, sí, aínda que non o creades se poñedes a cámara no modo “manual” ides a ter que utilizalos. Nós xa sabemos, ou, como dixen antes, esa era a idea.

Déixovos aquí algunas fotos que fixemos o último día na “Fervenza das Pombas” nas que se pode apreciar a importancia da luz.


 

2 ago 2013

Produtos agroalimentarios locais na Feira do Galo Piñeiro de O Pino

Esta fin de semana achégate á jaima do GDR Ulla Tambre Mandeo na Festa do Galo Piñeiro de O Pino.
Na exposición estarán representados os seguintes produtos:
  • Verduras e hortalizas da Cooperativa Melisanto (que ademais serán os encargados do deseño do stand).
  • Licores e augardentes para tódolos gustos de Casa Mejuto e Casa Alongos.
  • Ricos, Amendoados e Melindres da Asociación de Repostería Tradicional de Melide.
  • Embutidos de Aldea de Barrio, proxecto de porcos criados en liberdade financiado polo Leader Ulla Tambre Mandeo.
  • Queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, que donará o seu mellor produto para a degustación que temos o sábado.
  • Mel da zona e outros produtos apícolas, donado neste caso por Mel Golán, pertencente á cooperativa Erica Mel.
  • O Lar de Celia estará toda a fin de semana ofrecendo degustación gratuíta dos seus postres de orixe vexetal, sen conservantes, nin colorantes, sen azúcares engadidos...
  • Bacallau da mellor calidade salgado e secado en Vilasantar por Bacalaos Boado.
  • Os polos campeiros envasados ó baleiro e listos para guisar, do noso amigo Pablo, de Sabores de Santiso.
  • As Roscas de Bama (Touro), que fan as delicias en tódalas feiras e festas da zona non podían faltar a esta cita.
  • Os cultivos máis alternativos son o forte dunha empresa de Toques (Xaneiro) e unha de Melide (Fungocerga). Eles expoñerán os froitos do bosque, setas silvestre, shiitake, loureiro e moito máis.
  • Tamén a queixería Santos, de Sobrado, está presente no noso espazo, como proxecto estrela financiado polo Leader e xestionado por dúas mozas emprendedoras.

ACTIVIDADES E DEGUSTACIÓNS
O sábado, ás 13.00 horas, degustación de produtos locais, haberá empanada de polo e setas, canapés de verduras e queixo Arzúa-Ulloa, torta de queixo con mel e moitas outras cousas!

O domingo, tamén ás 13.00 horas, presentaremos o proxecto Aldea de Barrio, financiado polo Leader. Víctor e o seu socio crían porcos en liberdade para a posterior elaboración dos exquisitos embutidos que probaremos o domingo.
Durante toda a fin de semana, no stand estará tamén Celia, cos seus postres de orixe vexetal O Lar de Celia. Daranos a probar tódolos innovadores sabores que está a vender: galleta con plátano e iogur (postre da infancia), grelo con mango, fresas con nata e moitas máis sorpresas.
 
Por último, tamén a Asociación de Repostería Tradicional de Melide Terra Doce quere estar presente neste acto, cos seus riquíiiisimos doces: Melindres, Ricos e Almendoados.
 
Ummm!!! menuda cita!!! como nos imos poñer!!!
 






 
 
 


Remate dos cursos formativos de xullo do GDR Ulla Tambre Mandeo

Durante a semana do 15 ó 19 de xullo o GDR Ulla Tambre Mandeo celebrou dous cursos formativos en dous puntos do territorio.

O primeiro deles, a Interpretación do Patrimonio: como realizar unha comunicación eficaz, desenvolveuse durante cinco días no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro e serviu para que o alumnado mellorara as súas habilidades de comunicación, aprendese as técnicas de confección de textos accesibles para todo tipo de persoas e coñecera moito mellor o patrimonio do territorio coa realización dunha práctica de interpretación e a visita final do curso a varios elementos de interese da zona: o mosteiro e a lagoa de Sobrado, a igrexa románica de Santa María de Mezonzo e o batán situado na mesma parroquia, onde Pepe, a persoa que se encarga do seu mantemento ofreceu un exemplo maxistral de todo o aprendido no curso.
Queremos darlle as grazas a Isabel, de Ambientarte SL, por impartir un curso sumamente ameno e educativo e tamén a Pepe, unha vez máis deixounos sen palabras co seu bo facer e simpatía.

Na mesma semana, o GDR organizou en Touro durante tres días o curso Promoción do Patrimonio a través da fotografía, onde o alumnado puido familiarizarse con todas as técnicas de fotografía necesarias para obter un resultado de calidade neste eido. Como e seu nome indica, o curso centrouse en aprender as técnicas para retratar as paisaxes e os elementos máis impresionantes do Ulla Tambre Mandeo, de forma teórica e tamén práctica, posto que os asistentes puideron poñer en práctica o aprendido visitando os muíños da Carballa e a ruta dos tres ríos, da cal son protagonistas o río Santaia e o río Lañas.
Do mesmo xeito, queremos agradecer a Sergio, da Casa do Retrato, o seu traballo impartindo este curso.



 

Comezamos a gravación!!!



Así de ben o pasamos nos dous primeiros días de gravación do vídeo promocional do GDR. Coa Axencia G, os nenos e nenas dos asociados do GDR visitaron as obras financiadas polo Leader, aprendendo a riqueza e diversidade do medio rural. O primeiro día tocoulle o turno á comarca de Arzúa, e o martes 30 visitamos Melide, Toques e Sobrado. Tan so queda Curtis e Vilasantar, o día 9 de agosto, e o vídeo estará listo para maquetar e presentar!

Cansas pero contentas! A verdade, tanto os peques como os maiores gozamos como enanos!