NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




26 nov 2014

Curso de Escaparatismo e Deseño de Stands

Dentro das actividades complementarias que se realizarán con motivo da celebración da III Feira de Agasallos Locais, en Melide, o vindeiro fin de semana organízase un Curso práctico de Escaparatismo e Deseño de Stands destinado ós produtores e elaboradores locais.
 
O alumnado recibirá formación e asesoramento sobre como sacarlle o máximo partido ó seu negocio a través da presentación do mesmo, no propio local (escaparatismo) ou naqueles eventos de exposición ou comercialización ós que asistan (feiras de mostras, feiras comerciais, rastros, etc.). Do mesmo xeito, tamén se confeccionará de forma práctica as decoracións ou contido do espazo, a partir do material do que se lles dote no curso e coa axuda do equipo formador.
 
Podedes inscribirvos a través do contacto do GDR Ulla Tambre Mandeo, agardámosvos!

 
 
 

19 nov 2014

Reserva o teu stand na III Feira de Agasallos Locais de Melide!


Todas aquelas persoas que produzan e comercialicen nos dez concellos do GDR Ulla Tambre Mandeo podedes reservar xa o voso propio espazo na Feira de Agasallos Locais que se celebrará o vindeiro 13 e 14 de decembro.

Podedes apuntarvos no teléfono 981 511 377 ou mediante un correo electrónico ó enderezo utm23gdr@yahoo.es.

Por outra banda, o vindeiro venres 21 de novembro en Melide, ás 12.30 horas no Telecentro Melisanto, celebraremos unha reunión informativa para os expositores que participen onde se dará cumprida información da organización da Feira e se tratarán os seguintes temas:
 
- Organización do espazo da Feira (zonas, stands, distribución, necesidades especiais, etc.)

- Actividades complementarias que se poñerán en marcha por parte das entidades organizadoras para a atracción de público obxectivo.

- Actividades complementarias destinadas ós expositores da Feira.

- Suxerencias de novas actividades por parte dos expositores.

Para confirmar a asistencia á reunión informativa, podedes dirixirvos ós mesmos datos de contacto.

Consigamos que este Nadal se agasalle con produto local!!
 






 

17 nov 2014

A III Feira de Agasallos Locais de Melide celebrarase os vindeiros 13 e 14 de decembro e virá cargada de novidades


O pasado venres, 14 de novembro de 2014, Ángeles Vázquez, alcaldesa de Melide, e os representantes do GDR Ulla Tambre Mandeo, Ovidio Leiva e María Fernández, presidente e xerenta respectivamente; mantiveron unha reunión para a organización da III Feira de Agasallos Locais de Melide, que se celebrará a vindeira fin de semana do 13 e 14 de decembro.

Ó igual que en edicións anteriores os auténticos protagonistas da Feira serán os produtos de produción ou valor engadido local das comarcas de Arzúa e Melide e dos concellos de Curtis e Vilasantar. Tanto a alcaldesa de Melide, dona Ángeles Vázquez, como o presidente do GDR Ulla Tambre Mandeo, don Ovidio Leiva, resaltaron a importancia deste evento, o único das súas características no territorio, e animan a todas aquelas persoas que se dedican a producir no territorio con calidade e combinando tradición e innovación, a reservar o seu propio espazo na Feira, para o cal xa está aberto o prazo de solicitudes.

Este ano a organización quere ir un paso máis alá e non só amosar a produción de calidade neste escaparate sen igual, senón darlle o pulo definitivo de carácter comercial, fomentando o achegamento dos consumidores finais á mesma. Por este motivo, poñerase a disposición de todas aquelas asociacións rurais, culturais e de consumo que o soliciten, un servizo de transporte gratuíto, que lles permitirá achegarse a Melide e coñecer de preto os manxares e produtos artesáns da zona.

Ademais, e para reforzar a iniciativa, realizaranse distintas actividades no recinto da feira durante o transcurso da fin de semana, entre elas:

- a celebración dun “show-cooking” por parte do alumnado infantil de cociña do Concello de Melide, no cal os pequenos “minichefs” lle sacarán todo o partido ós produtos máis representativos da comarca

- a organización dun curso de escaparatismo e deseño de stands para os produtores e comerciantes locais, de xeito que poidan mellorar as súas destrezas para valorizar os seus produtos e negocios a través dunha boa presenza comercial.

Para participar como expositor na III Feira de Agasallos Locais e reservar un espazo propio, ou para visitar a Feira a través do transporte que se habilitará por parte da organización, tanto os produtores  como os representantes das asociacións, deberán poñerse en contacto co GDR Ulla Tambre Mandeo no teléfono 981511377, ou ben, no correo electrónico utm23gdr@yahoo.es.