NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




7 jul 2015

Comezamos a nosa visita.. Curtis, Sobrado e Vilasantar

Comezamos o noso itinerario particular coñecendo un pouco máis de preto os concellos de Curtis, Sobrado e Vilasantar.
 
Os tres formaron en tempos o chamado condado de Présaras pero a súa íntima relación comeza coa instauración na Ciadella, entre Sobrado e Vilasantar, do campamento romano do mesmo nome, onde se aloxou a Cohors I Celtiberorum; Cohorte Romana no século II. Coa súa chegada, comeza a estruturarse definitivamente este territorio.
 
Este sería, desde logo, un dos primeiros puntos a visitar se nos achegamos a Sobrado dos Monxes, posto que é o campamento romano de maior extensión achado na Península, con aproximadamente dúas hectáreas e unha estrutura típica dun campamento para unha cohorte "equitata", isto é, con cabalería. Distínguense á perfección, grazas ás excavacións dos 80 e 90, o principia (edificio administrativo e relixioso) o praetorium (vivenda do alto mando) e as hórrea (almacéns de gran).
 
Para completar o día de turismo, achegarémonos ó núcleo urbano de Sobrado, para coñecer o incrible Mosteiro de Santa María de Sobrado, visita obrigada tanto pola súa fermosura como polo seu valor arquitectónico. Foi fundado precisamente polo Conde de Présaras Hermenegildo no ano 952 que alí se retirou e morreu, cedendo o condado ó mosteiro e, actualmente, da man dos monxes cistercienses funciona a hospedería na que podemos quedarnos a durmir.
Outro dos enclaves imprescindibles, tamén relacionado co mosteiro, é a lagoa de Sobrado, a escasos mil metros, de orixe artificial creada polos propios monxes para servizo de rega e piscifactoría. Sorpréndenos cun espectáculo incrible no solpor pola fauna existente.
 
Continuamos a nosa visita achegándonos, a continuación, ó concello de Vilasantar; onde comezaremos por coñecer dous dos lugares máis destacados da parroquia de Mezonzo.
 
O primeiro deles é a Igrexa de Santa María de Mezonzo, xoia románica que se localiza no lugar do Priorato, o cal xa nos da unha pista da existencia dun mosteiro no pasado. Nel profesou e chegou a abade San Pedro de Mezonzo, antes de marchar cara o mosteiro de Sobrado primeiro e de converterse en Bispo de Santiago posteriormente. A él lle debemos a Salve e a defensa de Santiago durante o ataque de Almanzor.
 
A escasa distancia da igrexa de Santa María, atopámonos cun elemento etnográfico completamente recuperado, o Batán de Mezonzo, na aldea do mesmo nome. O encargado de ensinarnos o seu funcionamento e de poñelo a andar (se a corrente do día da visita o permite) é o seu dono, Pepe, o cal co seu relato e anécdotas nos transporta a un pasado non tan lonxano no que as familias da contorna utilizaban os muíños, os batáns e os mazadoiros de liño para a súa vida cotiá.
 
Rematamos a nosa visita no concello de Curtis, que ó igual que os dous anteriores, conta cun gran patrimonio arqueolóxico composto de mámoas e castros, o que nos fala da longa historia deste territorio.
 
Do mesmo xeito, conta con fermoas igrexas de orixe románica e prerrománica, posteriormente rehabilitadas como poden ser a Igrexa dos Remedios, acompañada do seu carballo centenario, a igrexa de Santaia, parroquia de nacemento de San Pedro de Mezonzo ou a igrexa de San Roque de Xabriño, na parroquia de Fisteus; cun fermoso conxunto etnográfico composto por igrexa, fonte e carballeira.
 

 
Ademais, ó paso por Curtis, recomendamos visitar o Centro Etnográfico do Mandeo, no núcleo urbano de Teixeiro, o cal nos axudará a comprender moito mellor a historia e patrimonio da zona, ó tempo que disfrutamos a súa orixinal arquitectura e do paseo de ribeira do seu exterior. Por outra banda, para rematar, podemos dar un relaxante paseo polo río Mandeo ó seu paso polo concello pasando pola Ponte Marzá, recentemente rehabilitada.
 
 
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario