NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




15 jul 2015

Seguimos coa visita: Arzúa, Boimorto, Touro e O Pino


Continuamos coñecendo os atractivos do territorio do Ulla Tambre Mandeo e, desta volta, dámoslle o protagonismo ós concellos que compoñen a comarca de Arzúa.
Iniciamos o día no núcleo urbano da cabeceira comarcal visitando a Capela da Madanela, igrexa dun antigo mosteiro de agustinos do que non se conserva nada; na mesma dirección,  continuamos camiño cara o embalse de Portodemouros onde coñeceremos de preto o mundo das abellas e da produción apícola no Museo Vivente do Mel coas súas visitas guiadas ou os seus talleres (cera, mel, etc.). Á volta, cunha pequena parada na aldea de Hortas, descubrimos un fermoso lugar en plena natureza como é a Fervenza das Hortas, tamén chamada Fervenza de Santa Marta.

De camiño cara Boimorto, o segundo concello en recibirnos na rolda de hoxe, son dúas as visitas que merecen a pena, por unha banda o fermoso Pazo de Santa María e, pola outra, o Museo Etnográfico da Paínza; onde podemos familiarizarnos cun pasado non tan afastado da Galicia rural e dos oficios que nela se desenvolvían.
 
Xa en Boimorto, a primeira parada obrigada é a igrexa románica de Sendelle do século XII, co seu ábside semicircular, onde se poden ver pinturas murais so século XVI con distintas escenas da liturxia relixiosa. Ademais, podemos coñecer máis a fondo este concello bañado polo río Tambre recorrendo algunha das rutas coas que contan, sendo unha delas a que transcorre pola antiga vía romana, na que se achou o miliario romano que se atopa diante do edificio do Concello.
 
Unha boa data para coñecer o concello de Boimorto é, sen dúbida, o segundo fin de semana de setembro, coincidindo co Festival da Luz que se celebra en Andabao, onde se dan cita músicos nacionais e internacionais con fins solidarios e se exalta a vida rural e a natureza.
 
 


Neste momento do itinerario, restan por visitar os concellos da comarca de Arzúa máis achegados a Santiago. En Touro, unha das primeiras opcións para os amantes da natureza é percorrer as dúas estupendas rutas homologadas coas que contan. A “dos tres ríos” e a da “ribeira do Ulla”, onde nos podemos coñecer a vexetación de ribeira, os estupendos bosques de sobreiras, as ouriceiras que atopamos ó pe da ruta para almacenar e recoller castañas e os lugares máis escondidos e máxicos de ambos itinerarios como poden ser o Salto das Pombas, a Fervenza do Inferniño ou xa, no final da ruta de ribeira, o Pozo do Pego; o cal é ideal para unha merenda relaxada  lonxe do estres cotián.
 
Tamén en Touro, dentro de pouco, poderemos completar a xornada cunha visita ó Centro de Interpretación do Río Ulla, que se poñerá en marcha proximamente e contará cunha axuda do Programa Leader do GDR.
E rematamos no concello de O Pino, onde se nos quedan forzas, son tamén recomendables as rutas coas que conta o Concello, as cales se puxeron en marcha cunha axuda Leader no ano 2011, xa que nelas atopamos unha magnífica mostra do principal patrimonio municipal. Trátase dun itinerario cultural, unha senda fluvial e outra panorámica onde podemos coñecer, entre outros elementos patrimoniais, a ponte romana de Ponte Puñide e a igrexa de San Xulián de Lardeiros ou “catedral da montaña”; ver unha excepcional paisaxe desde o mirador do Picón (punto xeodésico) ou pasar unha fermosa xornada na área recreativa da Capela da Magdalena, á que acompañan a fonte, a carballeira e a lagoa para formar un idílico conxunto etnográfico e natural.
 
Moi recomendable o día 22 de xullo, día da patrona, cando se celebra unha multitudinaria romaría campestre no lugar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario