NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




16 may 2016

Novas oportunidades para participar no deseño da estratexia de desenvolvemento local do Ulla Tambre Mando

A pasada semana celebráronse as primeiras xornadas participativas da segunda volta, para o deseño da estratexia de desenvolvemento local dos nove concellos que compoñen o GDR Ulla Tambre Mandeo.

Se non puideches asistir á Reunión informativa a  Melide, o día 10, ou á Senda do Desenvolvemento de Vilasantar, o día 12, aínda podes participar, coa túa opinión e as túas aportacións, nas vindeiras xornadas do día 18, en Touro, e do día 19, en Sobrado.
 
Vémonos alí! Lembra, no rural decides ti!

 
 
 
 

13 may 2016

Pílula informativa: sector forestal


Os montes galegos son os principais produtores de madeira de España (o 50% da produción estatal). As empresas do sector madeireiro galego facturan preto de 2.500 millóns de euros o ano, dando emprego directo a 26.000 persoas no sector.  

A produción de madeira do Estado español só cobre o 46% da demanda, polo que o 54% restante que se consome actualmente provén doutros países.

Do total da superficie de Galicia,  máis da metade é forestal (59%). Desta superficie forestal galega, o 65% ten árbores, fronte a un 81% na provincia da Coruña. A presenza de eucalipto principalmente, e tamén piñeiro, é moito máis ampla en Coruña (71% do total das plantacións) que na media galega (máis ou menos a metade das plantacións). As caducifolias (carballos, castiñeiros…) representan algo máis do 10% do total. Polo tanto na provincia da Coruña hai menos monte con mato, se o comparamos con Galicia.

Forestal no Ulla Tambre Mandeo
No Ulla Tambre Mandeo existe unha porcentaxe de superficie forestal lixeiramente inferior á media galega, un 53% fronte a un 59% no caso galego para o ano 2011. Para o ano 2014, a superficie forestal no Ulla Tambre Mandeo diminúe lixeiramente, un 0,69%, mentres que para o caso galego, a entidade da superficie forestal increméntase case nun 6%.
Destacan pola gran importancia relativa da súa superficie forestal os concellos de Toques e Sobrado, relacionada coa existencia de zonas de montaña como son a Serra do Careón e a Serra do Bocelo. Por outra banda, por riba da media galega tamén se sitúan os concellos de Touro e O Pino.

Por outra banda, a presenza de monte forestal baixo a clasificación de man común é moi diversa segundo o concello que se analice:
                - en cinco concellos (Arzúa, Touro, O Pino, Vilasantar e Santiso) non existe ningunha comunidade de monte veciñal.
                - en tres dos nove concellos, existe unha comunidade de monte veciñal: Sobrado, Melide e Boimorto.
                - en Toques, existen oito comunidades de monte veciñal.
O 75% da superficie total forestal ten árbores, con diferenzas palpables entre municipios. Os que máis aproveitan a superficie forestal son Arzúa, Boimorto, Touro, O Pino e Santiso, con preto do total da superficie forestal arborizada. Por outra banda, os concellos que máis superficie manteñen como pasteiro, pasteiro arbustivo ou mato son os de Toques e Sobrado, tal e como se comentaba anteriormente, pola existencia de zonas de montaña e, no caso de Toques, tamén directamente relacionado coa protección de arredor do 40% do territorio municipal baixo a figura da Rede Natura 2000.

No tocante á actividade económica, o Ulla Tambre Mandeo, conta con preto dun centenar de empresas forestais segundo o Rexistro da Xunta de Galicia, onde resalta o concello de Touro no que figuran censadas 31 empresas. A maioría das empresas están relacionadas coa corta e comercialización directa de madeira e tamén coa serradura. O subsector industrial da fabricación de madeira, papel e mobles é moi importante aquí, representa arredor do o 15% do VEB, mentres que no caso galego é so do 6%.
Ademais, cabe salientar tres casos concretos que poden supoñer efecto demostrativo ou capacidade de arrastre na economía local con respecto ó sector forestal: empresa produtora de madeira de nogueira e cerdeira en Boimorto (Bosques Naturales), empresa de recollida de castaña (en Melide) e empresa de fabricación de pellets de biomasa de pronta posta en marcha en Melide (Ramón Cabado Biomasa).
Para finalizar, segundo a normativa actual, os montes ou terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal obligatorio e vixente, xa que a partir do 2020, non se autorizarán aproveitamentos forestais nos montes que carezan do mesmo. Segundo o Rexistro de Montes Ordenados da Xunta de Galicia. Só sete dos montes forestais do UTM contan con proxecto destas características ou similar, sendo dúas delas propiedade da empresa Finsa.

DEBILIDADES

- Excesiva especialización en madeira: eucaliptos e piñeiros.
- Escasa diversificación cara outros aproveitamentos do monte: castaña, froitos silvestres, cogomelos, etc.
- Escaso aproveitamento MVMC
- Apenas existen montes con Plan de Ordenación.

FORTALEZAS

- Características físicas (climáticas, orográficas, hidrolóxicas, etc.) vantaxosas
- Gran porcentaxe do monte plantado
- Rede Natura: garantía de conservación
- Importante número de empresas forestais
- Industria da madeira con forte peso relativo na economía local
- Existencia de empresas con capacidade de arrastre: Castaña, Biomasa, Plantación de especies de alto valor, Aserpal

AMEAZAS
- Importación nacional de moita madeira.
- Concentración do sector forestal galego nos aproveitamentos madeireiros, en especial, naquelas de menor valor (moita produción, escaso PIB)
- Normativa vixente que obriga a ordenación (inexistente nos nosos montes).
- Rede Natura: forte intervención e restricións

OPORTUNIDADES
- Tendencia positiva da demanda de madeira mundial
- Revisión do Plan Forestal Galego: posibilidade de maior apoio

Pílula informativa: turismo


O Ulla Tambre Mandeo conta cun rico patrimonio tanto natural como arquitectónico. Polo lado do natural existen varias figuras de protección natural, Rede Natura e Reserva da Biosfera en Sobrado dos Monxes, ademais, o espazo que rodea ó Río Ulla está ben conservado e ten un alto valor natural, aínda que de momento sen figuras de protección.

No eido do patrimonio relixioso, o Camiño de Santiago e o Mosteiro de Sobrado están declarados Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco, outros elementos teñen tamén recoñecemento e importancia turística. Ademais, o UTM reúne a práctica totalidade das épocas, dende os romanos. Actualmente a creación artística é non obstante bastante máis pobre do que o foi no pasado, sen ningún aspecto relevante contemporáneo nin no eido da arquitectura nin noutras artes.

Actualmente o máis vistoso no territorio son as festas que se celebran, baseadas nos recursos locais e a súa posta en valor, destacan, entre outros, o Festival da Luz de Boimorto, a festa do Melindre de Melide ou a festa do Galo Piñeiro do Pino.

Dende o punto de vista turístico, o Camiño de Santiago é o protagonista indiscutible, con un crecemento continuo nos últimos anos e un número total de peregrinos de 262.000 peregrinos no último ano (2015). Os peregrinos veñen maioritariamente andando, e cada vez máis, esta modalidade é a que máis medra. Na súa maioría son españois, aínda que a evolución e que haxa cada vez máis estranxeiros, principalmente italianos, alemáns e portugueses.

O Camiño Francés é elixido por un 65% dos peregrinos, seguido do Portugués (16%), o Norte (6%) e o primitivo (4%). O Camiño Francés perde peso a favor, sobre todo, do Portugués, que é o que máis medra. Non hai datos da chamada Ruta do Holandés, que pasa por Touro, pois de momento carece de recoñecemento oficial, pero o número de holandeses que fan o camiño mantense máis ou menos constante ó redor de 3.500 anuais.

Analizando os datos da oferta, existe unha diferencia abismal entre os concellos con Camiño Francés (Arzúa ten 878 prazas de aloxamento) e os concellos polos que non atravesa este camiño (30 prazas en Vilasantar e 23 en Boimorto). Coincide que os de oferta máis escasa son os atravesados polos Camiños Norte e Primitivo. Nunha posición media atópanse os concellos bañados polo Ulla, con oferta de turismo rural.

DEBILIDADES

¾     Característica do turismo de peregrinaxe: gasto mínimo en aloxamento, comercio e hostalaría.

¾     Escasa especialización cara o turismo internacional, que é o que máis medra.

¾     Escasa oferta de servizos nos Camiños Norte e Primitivo

¾     Escasa profesionalización.

FORTALEZAS

¾     Proximidade do aeroporto de Lavacolla

¾     Trazados do Camiño de Santiago

¾     Ampla oferta de servizos no Camiño Francés

¾     Ampla oferta de turismo rural en torno ó Ulla e afluentes

¾     Biodiversidade ben conservada no Ulla e afluentes

¾     Abundante dotación de patrimonio de tódalas épocas históricas

¾     Recoñecemento do patrimonio natural a través de figuras de protección

¾     Patrimonio natural: Cova da Serpe e nacemento Tambre e Mandeo.

¾     Embalse Portodemouros

¾     Festas e eventos culturais de gran entidade e repercusión exterior

AMEAZAS

¾     Incremento da importancia relativa do Camiño Portugués

¾     Falta de protección do patrimonio (BICs pouco actualizados)

¾     Escasa promoción turística do territorio
 

OPORTUNIDADES

¾     Incremento do número de turistas estranxeiros a Galicia

¾     Turismo incipiente nos Camiños Norte e Primitivo

¾     Recente posta en marcha da Reserva da Biosfera (Sobrado)

¾     Existencia de iniciativas supramunicipais para a promoción turística: Mancomunidade do Camiño de Santiago, Área de Santiago e Goza do Ulla.

¾     Dispoñibilidade de novas tecnoloxías e novas formas de organización do transporte que permiten incrementar o gasto do peregrino.

¾     Existencia dun programa europeo de desenvolvemento rural: Leader

Pílula informativa: sector agrícola e gandeiro


O sector agrario ten un peso relativo moi superior á media galega, tanto en valor engadido como en porcentaxe de emprego.

Está dominado polas explotacións gandeiras de produción de leite e os cultivos de forraxes (máis do 96% da superficie cultivada).

A tendencia é a reducir o número de explotacións e a incrementar a superficie e tamaño das que sobreviven. Aínda así a maior parte teñen menos de 10 hectáreas.

Existe transformación e diferenciación do leite, con gran tradición queixeira da zona. A maior parte da D.O.P. Arzúa Ulloa prodúcese no noso territorio. Ademais moitas casas fabrican o seu propio queixo, algunhas con etiquetado. Constátase unha tendencia cara a desaparición destes elaboradores queixeiros.

O queixo da carácter e identidade ó territorio e diferéncianos, non obstante non hai interrelación entre o queixo e o sector turístico e ten escasa capacidade de arrastre no territorio con respecto a outros sectores e actividades: comercio, educación, investigación…

Existen infraestruturas que se dedicaban á produción queixeira actualmente abandonadas (planta de fabricación de queixo tipo parmesano e Arzúa-Ulloa na cooperativa La Arzuana). Existen rumores de que estas instalacións poderían ser vendidas á capital de fóra o que por unha parte solucionaría o problema do abandono, pero por outra habería unha fuga dos beneficios.

Aínda así, unha gran parte do leite véndese sen transformar e sen diferenciar. Non so no territorio, tamén en Galicia. A volatilidade dos prezos e os centros de toma de decisións lonxe da produción supoñen unha ameaza para o sector. Esta ameaza vese un pouco freada no noso territorio grazas á existencia de fortes cooperativas, que engloban a maior parte dos gandeiros, e que participan no capital de empresas transformadoras galegas (Clesa).

A situación xeográfica do UTM posibilita acceder ós mercados urbanos galegos, sobre todo A Coruña e Santiago.

O clima suave, sobre todo ó carón do Ulla e a abundancia de auga supoñen unha oportunidade para a produción hortícola. Ademais o centro de distribución de Melisanto conta cunhas instalacións óptimas e persoal cualificado específico. Non obstante a produción é escasa.

O consumo de produtos ecolóxicos medra de forma constante, non obstante, aínda non está xeneralizado nos comercios (moitos non teñen lineal de ecolóxico). En Galicia falta industria transformadora e empresas de distribución. No UTM, a escola de agricultura ecolóxica de Vilasantar dota ó territorio dunhas instalacións que poden dar servizo ós produtores e formación ás persoas interesadas.

A Política Agraria Común está mudando, por unha parte ten o coidado do medio ambiente como un dos principais obxectivos o que de seguro potenciará este sector, pero por outra as novas subvencións eliminan as cotas de produción e oriéntanse máis cara o aumento da superficie produtiva.

Por outra parte, existe o risco de que os acordos con terceiros países (principalmente EEUU) limiten a posibilidade de diferenciar os produtos pola súa procedencia, por exemplo, as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas.


FORTALEZAS                                                                                   

   Clima suave e abundancia auga

   Diferenciación calidade: D.O.P. Arzúa-Ulloa

   Forte tradición queixeira

   Peso importante da industria agroalimentaria

   Escola agricultura ecolóxica Vilasantar

   Instalacións e persoal Melisanto-horta

   Mercados urbanos cercanos (Santiago/Coruña)

   Cooperativas fortes

   Existencia de pasteurizadoras nas queixerías que permitirían vender leite do día

DEBILIDADES

   Falta de diversificación (vacún de leite e forraxes)

   Escasa dimensión territorial das explotacións

   Sector lácteo con pouco valor engadido: falta diferenciación e transformación

   Escasa formación para transformación do leite (distinto do queixo)

   Infraestruturas produtivas infrautilizadas (La Arzuana)

   Falta de interrelación do queixo co turismo e escasa capacidade de arrastre

   Continua desaparición de pequenos produtores queixeiros e falta de etiquetado.


OPORTUNIDADES          

   Desenvolvemento de explotacións hortícolas

   Incremento do consumo de produtos ecolóxicos

   PAC orientada á produción baixa en carbono

AMEAZAS

   Sector lácteo non estruturado: volatilidade dos prezos e toma de decisións lonxe da produción.

   Nova PAC: liberalización de mercados

   Tratados de comercio internacionais que ameazan as Denominacións de Orixe (TTIP)

   Compra de instalacións queixeiras (La Arzuana) por parte de capital foráneo

   Falta distribución e transformación en ecolóxico en Galicia

   Tetra brick que permite o consumo do leite a seis meses

9 may 2016

Pílula informativa: industria e comercio


Galicia presenta unha especialización sectorial cun forte peso da agricultura, gandería, silvicultura e pesca, seguido polo sector de industrias e enerxía e industria manufactureira, construción, comercio e hostalaría e administración pública, sendo o da enerxía, o sector desta lista que presenta un mellor comportamento nos últimos anos.

No UTM os resultados son similares, cun peso moito maior do sector primario, e excluíndo a industria manufactureira, que apenas ten importancia neste territorio. O peso relativo da enerxía é incluso máis acusado que no caso galego, sobre todo na comarca de Melide. Tamén chama a atención importancia da industria agroalimentaria, cunha porcentaxe do VEB dobre que en Galicia. Este sector presenta datos positivos nos últimos anos, o que podería supoñer unha fortaleza para o UTM. A industria agroalimentaria está caracterizada pola D.O.P. Arzúa Ulloa, pero non só por iso, senón tamén por pequenos produtores de queixo sen D.O.P. (en declive), a repostería tradicional de Melide, panaderías artesanais de gran calidade e outros produtos característicos do noso territorio con marca de identidade e procesos de produción sustentables (Embutidos Aldea de Barrio, Bacalaos Boado, Iogures Gur Gur etc.). A identidade destes produtos poderíase perder de progresar o acordo comercial entre EEUU e Europa que se está negociando (TTIP).

A actividade artesanal non ten moita importancia, como se podería supoñer, dado o carácter rural, non obstante existe unha forte especialización do coiro, con moita tradición e calidade.

Se comparamos o UTM coa provincia, o dato máis significativo é a diferenza no sector manufactureiro, que en Coruña ten moita importancia, centrado en Inditex e auxiliares, mentres que no noso territorio a influencia de ter unha das maiores multinacionais do sector a escasos quilómetros, non  se deixa sentir.

En xeral, a nosa estrutura produtiva está centrada en sectores maduros, de escaso poder innovador e crecemento moi moderado ou inexistente, agás o sector enerxético, con maior potencial. Apenas existen empresas con servizos especializados baseados no coñecemento, e tamén escasean as empresas do sector medio ambiental. A excepción a este punto está na antiga mina de Touro, onde se asentan un grupo de empresas dedicadas á reciclaxe, e unha spin off do sector químico, cun alto nivel de innovación.

Non existen empresas de máis de 49 empregados, a maior parte son empresas familiares con cero ou un empregados, igual que pasa en Galicia. Estas empresas teñen maior versatilidade e poden adaptarse ós cambios de ciclo, non obstante, á hora de negociar e acceder a novos mercados, as súas posibilidades son menores.

No futuro sería factible o asentamento de nova industria, xa que existe chan industrial dispoñible en tres dos concellos, dous xa funcionando (Melide, Arzúa) e un polígono de propiedade privada e de recente creación (Touro). Ademais, o Programa Leader leva anos demostrando que existe un tecido empresarial formado por persoas con capacidade emprendedora, dispostas a poñer en marcha negocios rendibles, que ademais teñen capacidade de investimento e acceso ó crédito, e que están apoiadas por dúas asociacións comarcais de empresas ben estruturadas (AECA e ASETEM). Non obstante, o acceso ó crédito destes emprendedores podería reducirse, ó alonxarse cada vez máis as entidades financeiras dos nosos pobos.

Hai unha actividade comercial e hostaleira moi importante nas vilas máis grandes, especialmente en Melide, apoiado pola feira dominical, por aglutinar á xente nova de tódolos arredores o sábado pola noite e por un turismo vacacional que incrementa a demanda na época estival. Non obstante, a autovía A54 podería supoñer unha ameaza para este sector e desprazar esta actividade cara as cidades, aínda que por outra banda, nos acerca a mercados urbanos e achega distancias para a industria.

 

DEBILIDADES

  • Ausencia de grandes empresas: limitación ó acceso de novos mercados.
  • Escasa conciencia ambiental e falta de empresas do sector ambiental
  • Paulatina desaparición de pequenos produtores queixeiros
  • Estrutura sectorial baseada en sectores maduros, con menores posibilidades de crecemento e innovación (agroalimentaria, madeira, construción…)

FORTALEZAS

  • Tradición artesanal do coiro
  • Forte industria agroalimentaria de calidade
  • Dispoñibilidade de chan industrial
  • Existencia de empresas innovadoras na antiga mina de Touro. Algunhas do sector da reciclaxe.
  • Empresas pequenas, con maior versatilidade
  • Forte peso do sector enerxético na nosa economía.
  • Asociacións de empresas comarcais fortes, estruturadas e con longa traxectoria.
  • Existencia de tecido emprendedor con capacidade de investir, innovar e con capacidade financeira e solvencia.

AMEAZAS

  • Trazado da autovía da A54: posible deslocalización do comercio.
  • Deslocalización das entidades financeiras
  • Formalización posible do acordo sobre comercio TTIP
  • Orzamento público minorado pola crise, que reduce a demanda da administración ás empresas.

OPORTUNIDADES

  • Trazado da A54: fixación de poboación e industria.
  • Programas europeos de apoio ó emprendemento: Leader
Nota: este é un breve resumo dun dos apartados do estudo socieconómico que está a configurar o GDR Ulla Tambre Mandeo. Para unha información máis ampliada, contáctanos.

5 may 2016

Pílula informativa: Sociedade e xénero

A poboación no UTM está moi espallada. Isto non só afecta ó custe dos servizos, tamén á socialización. Moitas veces os cativos non teñen con quen xogar e os maiores viven sós, ou teñen que mudarse, dadas as dificultades para atendelos na casa. Os localismos, ás veces incluso intra-municipais, non fan senón empeorar esta situación. Ademais, no caso dos pequenos, algunhas das escolas infantís están saturadas, e en algunhas vilas non existe este servizo.


Nas reunións territoriais destacouse que a poboación ten, ás veces, pouca conciencia do valor da vida no rural e unha autoestima baixa, vendo máis vantaxes ou categoría a persoas que viven en ciudades e vilas máis grandes. Isto unido á falta de vivenda de aluguer en bo estado e á falta de prazas en garderías e centros de día, pode ser o motivo do movemento interprovincial forte en algúns dos concellos do UTM.

Non obstante, tódolos concellos teñen instalacións deportivas e actividades e asociacións que organizan cousas en grupo. Actividades como o fútbol ou a banda de música, permiten que moitos nenos e nenas se xunten, e as asociacións de mulleres organizan distintos eventos nos que participa toda a familia.


O PIB per cápita é menor no UTM que en Galicia (12.668€ fronte ós 19.599 galegos), tamén en canto ó rendemento neto medio declarado no IRPF estamos lonxe da media galega (68%), e ademais a evolución non é de converxencia.
Un gran aporte á economía familiar son as pensións, sobre todo das persoas xa xubiladas. Pola contra, as rendas de Integración Social e de Emerxencia Social apenas teñen repercusión no noso territorio, moi pouca xente as percibe (varía entre 30 e 40 persoas no conxunto dos nove concellos).


O paro ten índices moi elevados, chegando a preto do 30% en algún concello. A tendencia na evolución é a mesma que en Galicia, pero a porcentaxe de xente desempregada é moito maior no Ulla Tambre Mandeo, sobre todo nas épocas de bonanza económica, cun paro mínimo do 15%. A maior parte dos parados levan máis dun ano buscando emprego, sendo este colectivo o máis afectado pola crise.


Analizando a situación por xénero, as mulleres en Galicia teñen un nivel educativo superior, non obstante, o seu salario medio é inferior ó dos homes en tódolos grupos de idade. Ademais as mulleres teñen unha maior taxa de contratos temporais.


Na toma de decisións tampouco hai igualdade. En Galicia hai algo menos dun 12% de alcaldesas nos concellos e un 31% de directoras e xerentas nas empresas.
Esta desigualdade deuse tamén no acceso ás axudas do Leader do Ulla Tambre Mandeo, sendo un 5% das beneficiarias das axudas mullleres, o 50% homes e o resto entidades mixtas.


DEBILIDADES
¾     Falta de condicións para que as persoas maiores queden nas súas casas
¾     Escaseza de dispoñibilidade de vivenda de aluguer
¾     Saturación de escolas infantís e inexistencia deste servizo en algúns concellos
¾     Escasa autoestima da poboación rural
¾     Existencia de localismos
¾     Baixo nivel de renda e tendencia negativa na converxencia
¾     Escaso acceso da poboación con menos recursos ás axudas sociais: RISGA e AES
¾     Nivel estrutural e coxuntural do emprego moi alto
¾     Gran porcentaxe de desemprego de longa duración
¾     Desigualdade no poder adquisitivo e no acceso ó mercado laboral entre homes e mulleres
¾     Escaso acceso da muller ás axudas Leader


FORTALEZAS
 
¾     Dotación de servizos culturais e deportivos
¾     Asociacións que axudan á socialización da poboación
¾     Garantía dunha renda mínima nos fogares pola percepción de pensións
¾     GDR como punto de encontro para os axentes sociais. Tradición Leader
    
    AMEAZAS
¾     Acceso desigual ós recursos e postos de traballo de homes e mulleres en todo Galicia e España
¾     Políticas de igualdade sen resultados nos indicadores analizados
¾     Desemprego estrutural moi alto en Galicia e España


    OPORTUNIDADES
Non se detectaron
 
 
Nota: este é un breve resumo dun apartado dun estudo socio-económico completo do territorio. Se precisas información máis concreta ponte en contacto con nós.