NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




5 may 2016

Pílula informativa: Sociedade e xénero

A poboación no UTM está moi espallada. Isto non só afecta ó custe dos servizos, tamén á socialización. Moitas veces os cativos non teñen con quen xogar e os maiores viven sós, ou teñen que mudarse, dadas as dificultades para atendelos na casa. Os localismos, ás veces incluso intra-municipais, non fan senón empeorar esta situación. Ademais, no caso dos pequenos, algunhas das escolas infantís están saturadas, e en algunhas vilas non existe este servizo.


Nas reunións territoriais destacouse que a poboación ten, ás veces, pouca conciencia do valor da vida no rural e unha autoestima baixa, vendo máis vantaxes ou categoría a persoas que viven en ciudades e vilas máis grandes. Isto unido á falta de vivenda de aluguer en bo estado e á falta de prazas en garderías e centros de día, pode ser o motivo do movemento interprovincial forte en algúns dos concellos do UTM.

Non obstante, tódolos concellos teñen instalacións deportivas e actividades e asociacións que organizan cousas en grupo. Actividades como o fútbol ou a banda de música, permiten que moitos nenos e nenas se xunten, e as asociacións de mulleres organizan distintos eventos nos que participa toda a familia.


O PIB per cápita é menor no UTM que en Galicia (12.668€ fronte ós 19.599 galegos), tamén en canto ó rendemento neto medio declarado no IRPF estamos lonxe da media galega (68%), e ademais a evolución non é de converxencia.
Un gran aporte á economía familiar son as pensións, sobre todo das persoas xa xubiladas. Pola contra, as rendas de Integración Social e de Emerxencia Social apenas teñen repercusión no noso territorio, moi pouca xente as percibe (varía entre 30 e 40 persoas no conxunto dos nove concellos).


O paro ten índices moi elevados, chegando a preto do 30% en algún concello. A tendencia na evolución é a mesma que en Galicia, pero a porcentaxe de xente desempregada é moito maior no Ulla Tambre Mandeo, sobre todo nas épocas de bonanza económica, cun paro mínimo do 15%. A maior parte dos parados levan máis dun ano buscando emprego, sendo este colectivo o máis afectado pola crise.


Analizando a situación por xénero, as mulleres en Galicia teñen un nivel educativo superior, non obstante, o seu salario medio é inferior ó dos homes en tódolos grupos de idade. Ademais as mulleres teñen unha maior taxa de contratos temporais.


Na toma de decisións tampouco hai igualdade. En Galicia hai algo menos dun 12% de alcaldesas nos concellos e un 31% de directoras e xerentas nas empresas.
Esta desigualdade deuse tamén no acceso ás axudas do Leader do Ulla Tambre Mandeo, sendo un 5% das beneficiarias das axudas mullleres, o 50% homes e o resto entidades mixtas.


DEBILIDADES
¾     Falta de condicións para que as persoas maiores queden nas súas casas
¾     Escaseza de dispoñibilidade de vivenda de aluguer
¾     Saturación de escolas infantís e inexistencia deste servizo en algúns concellos
¾     Escasa autoestima da poboación rural
¾     Existencia de localismos
¾     Baixo nivel de renda e tendencia negativa na converxencia
¾     Escaso acceso da poboación con menos recursos ás axudas sociais: RISGA e AES
¾     Nivel estrutural e coxuntural do emprego moi alto
¾     Gran porcentaxe de desemprego de longa duración
¾     Desigualdade no poder adquisitivo e no acceso ó mercado laboral entre homes e mulleres
¾     Escaso acceso da muller ás axudas Leader


FORTALEZAS
 
¾     Dotación de servizos culturais e deportivos
¾     Asociacións que axudan á socialización da poboación
¾     Garantía dunha renda mínima nos fogares pola percepción de pensións
¾     GDR como punto de encontro para os axentes sociais. Tradición Leader
    
    AMEAZAS
¾     Acceso desigual ós recursos e postos de traballo de homes e mulleres en todo Galicia e España
¾     Políticas de igualdade sen resultados nos indicadores analizados
¾     Desemprego estrutural moi alto en Galicia e España


    OPORTUNIDADES
Non se detectaron
 
 
Nota: este é un breve resumo dun apartado dun estudo socio-económico completo do territorio. Se precisas información máis concreta ponte en contacto con nós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario