NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




9 may 2016

Pílula informativa: industria e comercio


Galicia presenta unha especialización sectorial cun forte peso da agricultura, gandería, silvicultura e pesca, seguido polo sector de industrias e enerxía e industria manufactureira, construción, comercio e hostalaría e administración pública, sendo o da enerxía, o sector desta lista que presenta un mellor comportamento nos últimos anos.

No UTM os resultados son similares, cun peso moito maior do sector primario, e excluíndo a industria manufactureira, que apenas ten importancia neste territorio. O peso relativo da enerxía é incluso máis acusado que no caso galego, sobre todo na comarca de Melide. Tamén chama a atención importancia da industria agroalimentaria, cunha porcentaxe do VEB dobre que en Galicia. Este sector presenta datos positivos nos últimos anos, o que podería supoñer unha fortaleza para o UTM. A industria agroalimentaria está caracterizada pola D.O.P. Arzúa Ulloa, pero non só por iso, senón tamén por pequenos produtores de queixo sen D.O.P. (en declive), a repostería tradicional de Melide, panaderías artesanais de gran calidade e outros produtos característicos do noso territorio con marca de identidade e procesos de produción sustentables (Embutidos Aldea de Barrio, Bacalaos Boado, Iogures Gur Gur etc.). A identidade destes produtos poderíase perder de progresar o acordo comercial entre EEUU e Europa que se está negociando (TTIP).

A actividade artesanal non ten moita importancia, como se podería supoñer, dado o carácter rural, non obstante existe unha forte especialización do coiro, con moita tradición e calidade.

Se comparamos o UTM coa provincia, o dato máis significativo é a diferenza no sector manufactureiro, que en Coruña ten moita importancia, centrado en Inditex e auxiliares, mentres que no noso territorio a influencia de ter unha das maiores multinacionais do sector a escasos quilómetros, non  se deixa sentir.

En xeral, a nosa estrutura produtiva está centrada en sectores maduros, de escaso poder innovador e crecemento moi moderado ou inexistente, agás o sector enerxético, con maior potencial. Apenas existen empresas con servizos especializados baseados no coñecemento, e tamén escasean as empresas do sector medio ambiental. A excepción a este punto está na antiga mina de Touro, onde se asentan un grupo de empresas dedicadas á reciclaxe, e unha spin off do sector químico, cun alto nivel de innovación.

Non existen empresas de máis de 49 empregados, a maior parte son empresas familiares con cero ou un empregados, igual que pasa en Galicia. Estas empresas teñen maior versatilidade e poden adaptarse ós cambios de ciclo, non obstante, á hora de negociar e acceder a novos mercados, as súas posibilidades son menores.

No futuro sería factible o asentamento de nova industria, xa que existe chan industrial dispoñible en tres dos concellos, dous xa funcionando (Melide, Arzúa) e un polígono de propiedade privada e de recente creación (Touro). Ademais, o Programa Leader leva anos demostrando que existe un tecido empresarial formado por persoas con capacidade emprendedora, dispostas a poñer en marcha negocios rendibles, que ademais teñen capacidade de investimento e acceso ó crédito, e que están apoiadas por dúas asociacións comarcais de empresas ben estruturadas (AECA e ASETEM). Non obstante, o acceso ó crédito destes emprendedores podería reducirse, ó alonxarse cada vez máis as entidades financeiras dos nosos pobos.

Hai unha actividade comercial e hostaleira moi importante nas vilas máis grandes, especialmente en Melide, apoiado pola feira dominical, por aglutinar á xente nova de tódolos arredores o sábado pola noite e por un turismo vacacional que incrementa a demanda na época estival. Non obstante, a autovía A54 podería supoñer unha ameaza para este sector e desprazar esta actividade cara as cidades, aínda que por outra banda, nos acerca a mercados urbanos e achega distancias para a industria.

 

DEBILIDADES

  • Ausencia de grandes empresas: limitación ó acceso de novos mercados.
  • Escasa conciencia ambiental e falta de empresas do sector ambiental
  • Paulatina desaparición de pequenos produtores queixeiros
  • Estrutura sectorial baseada en sectores maduros, con menores posibilidades de crecemento e innovación (agroalimentaria, madeira, construción…)

FORTALEZAS

  • Tradición artesanal do coiro
  • Forte industria agroalimentaria de calidade
  • Dispoñibilidade de chan industrial
  • Existencia de empresas innovadoras na antiga mina de Touro. Algunhas do sector da reciclaxe.
  • Empresas pequenas, con maior versatilidade
  • Forte peso do sector enerxético na nosa economía.
  • Asociacións de empresas comarcais fortes, estruturadas e con longa traxectoria.
  • Existencia de tecido emprendedor con capacidade de investir, innovar e con capacidade financeira e solvencia.

AMEAZAS

  • Trazado da autovía da A54: posible deslocalización do comercio.
  • Deslocalización das entidades financeiras
  • Formalización posible do acordo sobre comercio TTIP
  • Orzamento público minorado pola crise, que reduce a demanda da administración ás empresas.

OPORTUNIDADES

  • Trazado da A54: fixación de poboación e industria.
  • Programas europeos de apoio ó emprendemento: Leader
Nota: este é un breve resumo dun dos apartados do estudo socieconómico que está a configurar o GDR Ulla Tambre Mandeo. Para unha información máis ampliada, contáctanos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario